:: AXUDAS PARA INVESTIMENTOS NAS EXPLOTACIÓNS AGRARIAS


A "ORDE do 23 de decembro de 2015 pola que se convocan para o ano 2016 as axudas para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014_2020"  tamén ten como finalidade:

a) Incrementar a competitividade e o rendemento global das explotacións mediante a súa modernización.

b) Asegurar a competitividade e a continuidade do tecido agrario.



Serán elixibles os investimentos materiais e inmateriais que supoñan unha mellora do rendemento global, a competitividade ou a viabilidade da explotación. En particular:

a) A construción, adquisición ou mellora de bens inmobles.

b) A compra de nova maquinaria.

c) Os custos xerais vinculados aos gastos recollidos nas letras a) e b), tales como honorarios dos enxeñeiros que elaboren os proxectos de construción ou reforma, os estudos de viabilidade, permisos ou licenzas.

d) Plantación e mellora de cultivos leñosos de aptitude frutícola (árbores e arbustos froiteiros, a excepción dos incluídos na medida 8 do PDR de Galicia 2014-2020).

e) A compra de terreos por un valor inferior ao 10 % do custo subvencionable.

f) Adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos.

2. No caso de investimentos que inclúan actuacións de rega, será de aplicación o establecido no artigo 46 do Regulamento (UE) 1305/2013. A este respecto, para que os ditos investimentos sexan elixibles terán que cumprir as condiciones especificadas a continuación:

a) Coherencia coa planificación hidrolóxica e coa Directiva marco da auga; a demarcación hidrográfica en que se localiza a explotación onde se realizará a dotación ou mellora da instalación de rega debe contar cun plan hidrolóxico aprobado e comunicado á Comisión Europea, en termos conformes coa Directiva marco da auga.

A mellora debe ser coherente cos obxectivos, asignacións ou reservas de recursos, programas de medida e demais determinación que conteña o correspondente plan hidrolóxico, que resulten aplicables á agricultura e ao regadío.

b) Sistema de medición do uso da auga; se a operación inclúe a dotación ou mellora dunha instalación de rega, esta debe dispoñer dun contador.

c) Condicións de elixibilidade específicas para proxecto de mellora de instalacións de rega preexistentes:

a. Aforro potencial da auga; este aforro potencial debe superar o 5 % conforme aos parámetros técnicos da instalación. Para o cálculo do dito aforro terase en conta:

i. A redución de perdas por mellora das conducións dentro da explotación.

ii. A redución do volume debida ao sistema de aplicación da rega.

iii. O cambio duradeiro da orientación produtiva das parcelas en que se melloren as instalacións de rega.

b. Redución da auga empregada polos regadíos preexistentes que afecten masas de auga que non alcanzan o bo estado:

i. O investimento deberá garantir unha redución efectiva no uso da auga a nivel da instalación de, polo menos, o 50 % do aforro potencial da auga.

ii. A redución efectiva apreciarase sobre o volume da auga empregada na instalación, xa sexa procedente dunha infraestrutura de regadío ou procedente dunha captación propia. A dita redución calcularase como diferenza entre a dotación da explotación despois da modernización, e da dotación antes desta, en volume ao ano (m3/ano).

d) Condicións de elixibilidade específicas dos investimentos para a ampliación da superficie regada; só serán subvencionables os obxectivos de bo estado de acordo coa planificación hidrolóxica, ou ben que non cumpran por razóns diferentes ás cuantitativas, neste caso deberá cumprir as condicións do punto anterior.

e) Investimentos de ampliación de regadío combinados con outros de modernización de instalacións; neste caso a redución no uso da auga determinarase considerando conxuntamente as dúas instalacións: A (preexistente) e B (nova). Calcularase restando a auga empregada en A antes da modernización, tanto a auga empregada en A despois da modernización como a auga empregada en B.

Débese cumprir a condición de que a redución conxunta no uso da auga das dúas instalacións A e B dividida entre o aforro potencial derivado da modernización da instalación A orixinal sexa polo menos superior a 0,5.

3. Non serán subvencionables os investimentos que se limiten a substituír un edificio ou unha máquina existentes, ou partes destes, por un edificio ou unha máquina novos e modernos, sen ampliar a capacidade de produción en máis dun 25 % ou sen introducir cambios fundamentais na natureza da produción ou a tecnoloxía correspondente. Non se considerarán investimentos substitutivos a demolición total dun edificio agrario de máis de 30 anos e a súa substitución por outro moderno nin a renovación xeral dun edificio. Unha renovación considerarase xeral cando o seu custo supoña como mínimo o 50 % do valor do edificio novo. No referente ás máquinas, tampouco se considerará substitución cando teñan máis de 10 anos.

A maquinaria agrícola só será elixible nos casos en que estea claramente xustificada e acorde ao dimensionamento da explotación.

A compra de dereitos de produción; plantas anuais e a súa plantación; investimento de simple substitución; maquinaria de segunda man; custos de conservación e mantemento ou os derivados do funcionamento da explotación; os montes baixos de ciclo curto; maquinaria ou equipamentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais, e a maquinaria e equipamentos de carácter forestal non serán subvencionables.

4. Para dar cumprimento ao requisito de moderación de custos propostos que se establece no artigo 48.2.e) do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, fixaranse custos de referencia ditados en virtude da disposición derradeira primeira, definidos na norma complementaria que se publicará na web da Consellería do Medio Rural, independentemente da exixencia de presentar un mínimo de tres ofertas de distintos provedores

5. Establécese un investimento mínimo de 5.000 € para poder ser subvencionable. O volume total do investimento máximo subvencionable para cada beneficiario será de 120.000 €/UTA, cun máximo de 500.000 €, nun período de catro anos. Para o cálculo do investimento máximo, en función do límite máximo por UTA, consideraranse as UTA iniciais, agás que se trate dun plan de mellora dun agricultor/a mozo/a que presente simultaneamente unha primeira instalación, onde o límite máximo de investimento por UTA se calculará en función do número de UTA correspondente á situación posterior á instalación.

Máis información aquí: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20151229/AnuncioG0426-231215-0004_gl.pdf

Rúa Río Arnoia, N° 12,
Edificio Multicentro, Local 20
32630 - Xinzo de Limia - Ourense
Tlf./Fax: 988 68 05 21 - 616 76 48 05
adegalxinzo@gmail.com